Saturday 04 de May de 2024

A Tarxeta Básica, impulsada pola Xunta, leva beneficiado a preto de 7500 persoas no concello da Coruña desde a súa post en marcha


— No conxunto da comunidade o número de cartóns emitidos está preto dos 40.000 para axudar a máis de 55.000 galegas e galegos

— O Goberno galego prorrogou en xuño a vixencia desta tarxeta ata finais de 2021 e incrementoulle en 5 millóns de euros o seu orzamento ata chegar aos 31 millóns

— O seu importe oscila entre os 150 euros e os 300 euros ao mes, dependendo do número de membros da unidade familiar

A Tarxeta Básica, posta en marcha pola Xunta hai pouco máis dun ano para atender ás persoas máis vulnerables fronte aos efectos socioeconómicos da crise sanitaria da covid-19, leva beneficiado a preto de 7500 persoas do concello da Coruña desde a súa posta en marcha. Isto significa que se emitiron máis de 5500 tarxetas nas que o Goberno galego investiu 3,6 millóns de euros.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe na Coruña a sede da Cruz Vermella, encargada de xestionar e emitir este cartón, onde comprobou que se están a piques de superar as 40.000 Tarxetas Básicas emitidas. Esta cifra supón que máis de 55.000 galegas e galegos puidéronse beneficiar desta axuda para a compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Hai pouco máis dun ano que se puxo en marcha esta tarxeta moedeiro, que a Xunta de Galicia acaba de ampliar logo da súa boa acollida. No mes de xuño o Goberno galego aprobou unha nova prórroga da vixencia desta Tarxeta ata finais de 2021 cun investimento adicional de cinco millóns de euros. Este incremento permite elevar a 31 millóns de euros o total de fondos que a Administración autonómica leva destinados a esta medida.

Cómpre recordar que o importe desta axuda depende do número de membros da unidade familiar. No caso dos fogares unipersoais a axuda é de 150 euros mensuais, para os fogares con dous membros é de 200 e para as familias con tres membros ou máis a axuda chega aos 300 euros mensuais.

En concreto, xa se levan emitidas 39.648 tarxetas. O maior número de beneficiarios atópase nas sete cidades galegas. Na Coruña téñense emitido máis de 5500 tarxetas; en Ourense, máis de 3100; en Vigo, 2200; en Lugo, 2100; en Santiago, 2000; en Ferrol, preto de 1500 e en Pontevedra, case 1200.

Axuda áxil, que non estigmatiza
Trátase dunha actuación pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias, xa que o seu período máximo de tramitación é de 72 horas desde que se solicita. O seu obxectivo é prestar apoio na compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Por outro lado, esta tarxeta representa unha actuación coordinada ao implicar na súa xestión á Xunta, aos servizos sociais municipais e ás entidades sociais como Cruz Vermella, encargada da súa tramitación. Ademais, non estigmatiza xa que ao ter forma de tarxeta de crédito que se recarga mes a mes, os seus usuarios non teñen que facer colas nin acudir a un establecemento específico para obter os produtos.